Precampaña? Campaña? De verdade hai diferenza?

Terça-feira, 12 de Fevereiro de 2008


Alén do prefixo '-pre' a día de hoxe non vexo nengunha diferenza entre precampaña e campaña. A política é hoxe un acelerador de partículas que todo o deglute á velocidade da luz. Somos todos o combustíbel dun deus ex machina cada día máis entolecido. A política de hoxe é á política de hai apenas 10 anos o que a NBA de Larry Bird e Jabbar era á liga española dos anos 80. Todo é espectacularmente efímero e un chisco banal. Acción, reacción, acción. Declaración contra declaración. Isto que agora escribo á mañá tórnase obsoleto antes da chegada do solpor.

E, porén, a política é o camiño para liberármonos. A política que practican en todos os cantos do planeta forzas que non teñen máis dono que o pobo ao que representan. Non me quero pór pomposo, mais iso na Galiza ten nomes e apelidos. Nacionalismo galego. Estamos a menos dun mes de que se nos apresente unha espléndida oportunidade para demostrar que o cambio político en Galiza é algo máis que un frase. E non cabe imaxinar maior cambio político que o de que Galiza sente por primeira nunha cadeira na mesa de negociación post-eleitoral que inevitabelmente se abrirá o 10 de Marzo. Porque ese día nengunha forza política, nengunha, terá por si soa suficientes escanos para gobernar.

En fin, este segundo parágrafo váleme para dar por bon o gasto de enerxía da interminábel precampaña que comezou xusto o día despois do 14 de Marzo de hai agora 4 anos.

En Xornal.com, boto máis madeira ao lume, se gostardes velaí a tedes: o 10-M.

0 comentários: